Os científicos ven improbable localizar no sur lucense restos do Paleolítico tan antigos como os recén achados en Atapuerca
Francisco Albo
28/3/2008
A finais da semana próxima está previsto iniciar a terceira campaña anual de investigación dos xacementos paleolíticos do sur lucense, un de cuxos directores, o arqueólogo Xosé Pedro Rodríguez, da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, participou como investigador nas recentes e espectaculares descubertas de Atapuerca que fixeron retroceder ata hai 1,2 millóns de anos o presunto inicio da presenza humana en Europa occidental. O científico considera pouco probable que no sur da provincia aparezan vestixios dunha antigüidade comparable á dos últimos achados da serra burgalesa, pero non desbota por completo esa posibilidade.
Rodríguez ve difícil encontrar nesta zona industrias tan antigas, por un lado, «por unha cuestión de probabilidades, porque en Europa son pouquísimos os lugares onde apareceron xacementos paleolíticos de máis dun millón de anos. Na Península Ibérica só se coñecen os casos de Atapuerca e da zona de Guadix-Baza e aparte destes, só hai un par de sitios en Italia e Franza e pouco máis», explica. «En Galicia aínda non se fixeron investigacións sistemáticas sobre as etapas máis antigas do Paleolítico, pero no que se leva investigado ata agora non apareceu nada dunha idade remotamente parecida á das últimas descubertas de Atapuerca», agrega.
Por outro lado, o arqueólogo apunta que «os humanos non eran tan numerosos nesa época como o foron despois, a partir de hai 500.000 anos. Hai un millón de anos, en Europa había aínda moi poucos grupos humanos e, polo que sabemos, ocupaban lugares moi determinados», engade. Aínda non está claro se entre eses lugares figuraba ou non o noroeste da Península, se ben entra dentro do posible.
Posibilidades
O que cre moito máis probable Xosé Pedro Rodríguez é que as investigacións que se realizan no territorio lucense cheguen a descubrir materiais dunha antigüidade máis que considerable, pero sen remontarse tan atrás no tempo como se acaba de facer en Atapuerca. «Aquí é máis fácil que encontremos cousas de entre 500.000 e 800.000 anos, unha época en que as poboacións humanas xa estaban máis extendidas», comenta. A esa época pertencen os achados do xacemento TD-6 da Gran Dolina, en Atapuerca, onde apareceron os primeiros restos coñecidos do célebre Homo antecessor, datados hai 780.000 anos.
Do mesmo parecer é o arqueólogo Arturo de Lombera, coordinador dos traballos de campo que se desenvolven na zona sur desde o 2006. Na súa opinión, «no interior de Galicia tamén podería haber xacementos de 1.200.000 anos, como sucede en Atapuerca, pero encontralos parece bastante improbable. Hai moitas máis posibilidades de localizar artefactos da época do xacemento da Gran Dolina, porque ademais en Galicia xa se encontraron hai tempo certos materiais que poderían corresponder a ese período», sinala. Estas industrias de factura arcaica foron localizadas en xacementos do Baixo Miño. En calquera caso, os investigadores puntualizan que nos traballos que están a punto de reanudarse sempre poden aparecer sorpresas.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2008/03/28/0003_6684931.htm
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario