Vistas de página en total

jueves, 3 de abril de 2008

Localizan en Vilar de Ortelle un novo conxunto de petróglifos que aínda non foi catalogado por Patrimonio

3-IV-2008
Un novo conxunto de petróglifos acaba de ser localizado na parroquia de Vilar de Ortelle, en Pantón, a escasa distancia do lugar en que se encontrou recentemente outro grupo de insculturas rupestres que xa foi catalogado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio. Os gravados encóntranse nunha formación rochosa coñecida como Peneda Grande e son do tipo coñecido como cazoleta, que consisten en pequenas escavacións circulares. Repartidos en diversos puntos hai polo menos seis pequenos grupos formados por dúas ou tres figuras deste tipo.
O lugar está situado a uns douscentos metros da Pena de Cima da Costa, onde foi localizado con anterioridade o mencionado grupo de petróglifos, e a uns trescentos metros do castro de Vilar de Ortelle. Os núcleos de Eirexe e A Casanova son os máis próximos a estes gravados prehistóricos.
No mesmo conxunto de penedos hai outras cavidades que, segundo a tradición local, son as pegadas que deixou a Virxe María ao pasar por este lugar. Este sitio concreto recibe por tal motivo a denominación de Pena da Virxe. A pesar do interese etnográfico da lenda -moi similar a outras que existen en moitas paraxes de Galicia-, estas cavidades, a diferenza dos petróglifos circulares, son probablemente de orixe natural, segundo opina o arqueólogo Iván Álvarez, que as examinou mediante fotografías. As tradicións populares tamén identifican este lugar como residencia dos míticos mouros.
Como xa sucedera no mencionado caso da Pena da Cima da Costa, o novo achado arqueolóxico foi realizado polo experto en sendeirismo Carlos Rueda -colaborador de La Voz- e polo concelleiro soberino Alfonso Campos. Estas descubertas presentan especial interese polo feito de rexistrarse no territorio de Pantón, onde ata hai moi pouco tempo non se catalogara oficialmente ningún petróglifo, a diferenza do que sucede no veciño municipio de Sober, onde hai numerosos grupos de gravados prehistóricos inventariados desde hai décadas.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2008/04/03/0003_6700808.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario