Vistas de página en total

miércoles, 16 de abril de 2008

Monfortinos da Idade do Xeo

Os arqueólogos estudan no monte de Valverde os rastros de posibles asentamentos humanos de finais do Paleolítico
Autor:
Francisco Albo
16/4/2008

O equipo que investiga os poboamentos paleolíticos do sur lucense realizou onte unha nova prospección -que será a última que se faga neste punto dentro da actual campaña- no xacemento descuberto o ano pasado no monte monfortino de Valverde, un dos lugares de maior interese que se localizaron desde os inicios deste proxecto científico. Os arqueólogos efectuaron un pequeno corte no terreo e recolleron algúns vestixios de industrias prehistóricas que se suman a unhas duascentas pezas localizadas nos últimos días neste enclave, onde o ano pasado xa se encontraran tamén numerosos artefactos.
Todas as pezas que foron encontradas ata agora neste lugar caracterízanse polo seu pequeno tamaño e a finura da súa talla, que contrasta cos instrumentos localizados noutros puntos dos arredores de Monforte, considerablemente máis grandes e toscos. Baseándose na elaborada técnica destas industrias e na súa ubicación, os investigadores sitúan en principio este xacemento nunha época moi avanzada da prehistoria, o Paleolítico superior final, período que transcorreu hai entre 35.000 e 10.000 anos antes da nosa era e que coincide coa etapa final da última glaciación. Ao seu parecer, é moi probable que no monte de Valverde houbese entón asentamentos humanos de forma continuada. «As poboacións daquela época buscaban sempre sitios como este, que está nun lugar alto pero protexido e tamén moi estratéxico, porque permite controlar visualmente unha porción moi ampla do territorio», comenta o arqueólogo Arturo de Lombera, que codirixe estes traballos de campo xunto con Talía Lazuén.
Ampla visibilidade
A situación do xacemento distínguese efectivamente pola ampla visibilidade que proporciona. Encóntrase nun rechán da ladeira, por enriba dos 400 metros de altura, nunha zona ben abrigada do vento norte que ofrece unha espectacular panorámica da depresión monfortina. Desde este lugar, indican os investigadores, podíase vixiar perfectamente os rebaños de herbívoros que sen dúbida se desprazaban con frecuencia polo paso natural existente entre as depresións de Monforte e de Bóveda, por onde discorre hoxe a estrada LU-546. O emprazamento, por tanto, parece moi axeitado para unhas poboacións dunha época anterior ao descubrimento da agricultura e da gandería, que tiñan na caza unha fonte básica de subsistencia.
Na cima do monte, non moi lonxe do mencionado rechán, destaca a silueta dun grande penedo de cuarcita que, segundo os arqueólogos, puido ser utilizado como abrigo natural polos poboadores prehistóricos. Nos arredores desta formación rochosa, que aínda non foron examinados en detalle, apareceron tamén algúns artefactos. «Os penedos tamén puideron servir como punto de referencia para os poboadores, porque son visibles desde lonxe e así localizarían con facilidade o seu lugar de habitación cando andaban movéndose por outros sitios», apunta De Lombera.
As pezas arqueolóxicas achadas nesta zona apareceron na superficie do terreno -sen que se realizase por agora unha cata ou escavación propiamente dita-, pero o excelente estado de conservación dos materiais indica que non deben levar moito tempo expostos á intemperie. Os arqueólogos cren que a maior parte destas pezas deberon ser desenterradas en tempos aínda recentes, cando se habilitou unha pista que pasa por estas paraxes. Na súa opinión, é posible que no subsolo desta parte do monte -a uns 700 metros da aldea de Outeiriño, da parroquia de Ribas Altas- se conserve algún importante depósito de industrias paleolíticas. O lugar figura polo tanto entre os que están sendo seleccionados para realizar escavacións cando o proxecto de investigación estea nunha fase máis adiantada.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/lugo/2008/04/16/0003_6737899.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario