...............................................a. lópez
Os arqueólogos recolleron máis de mil artefactos paleolíticos na campaña científica que acaba de terminar no Val de Lemos
Autor:
Francisco Albo
1/5/2008
O mal tempo que acompañou a terceira campaña de investigación dos xacementos paleolíticos da comarca de Lemos non impediu que esta nova fase fose a máis frutífera desde que comezou a desenvolverse, na primavera do 2006, este proxecto científico que coordina a Universidade de Santiago. Os traballos de campo iniciados a primeiros de abril déronse onte por concluídos despois de que os investigadores recollesen un total de 1.066 artefactos líticos en diversos puntos da comarca, principalmente nos municipios de Monforte, O Saviñao e Pantón. Nas dúas campañas precedentes -que xa se consideraran moi satisfactorias- recolectáranse en conxunto 233 pezas. Ademais, localizáronse 21 novos lugares con restos arqueolóxicos, que se suman aos 31 sitios identificados anteriormente nesta zona.
O notable incremento na recollida de instrumentos prehistóricos débese en grande parte ao feito de que esta campaña foi máis prolongada e contou con máis medios que as anteriores. Nos dous últimos anos, estes traballos de campo foron realizados durante un par de semanas por equipos de sete ou oito persoas. Nesta ocasión, as operacións desenvolvéronse durante 26 días, coa participación dunha vintena de persoas repartidas en varias quendas.
Ademais de localizar novos xacementos, o equipo efectuou máis prospeccións en lugares xa explorados en anos anteriores que se caracterizan por unha especial abundancia de ferramentas paleolíticas. É o caso das zonas das Lamas e de Valverde, en Monforte, onde apareceran numerosas pezas nas anteriores campañas e que esta vez volveron proporcionar colleitas numerosas. En diversos puntos da parroquias de Moreda, en Monforte, e Mañente, en Pantón, encontráronse outras importantes concentracións de artefactos espallados sobre o terreo.
O material recollido ao longo do pasado mes comezará enseguida a ser analizado con moito máis detalle no laboratorio, coa fin de extraerlle toda a información científica que sexa posible. A próxima fase da investigación desenvolverase durante o verán. Os responsables do proxecto xa decidiron que en xullo se farán novas escavacións na cova de Valdavara, no municipio de Becerreá, un enclave que ofrece un particular interese. En agosto haberá máis exploracións en cavernas, pero aínda falta por escoller os sitios concretos. Estes traballos poderían realizarse no Courel, como o ano pasado, pero tamén no Cebreiro, en Triacastela ou noutros lugares.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2008/05/01/0003_6779848.htm
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario