Páginas vistas en total

domingo, 11 de mayo de 2008

A Falagueira medieval sae á luz

A limpeza do firme pon ao descuberto o antigo pavimento
Autor de la imagen: ROI FERNÁNDEZ

As obras de rehabilitación da antiga rúa monfortina poñen de manifesto o bon estado do seu empedrado orixinal, que podería remontarse ao século XIV
Autor:
Francisco Albo
11/5/2008

Os traballos de rehabilitación urbanística da rúa Falagueira iniciados hai unha semana están sacando á luz un importante elemento da arquitectura medieval de Monforte. A limpeza realizada na superficie no tramo situado cerca do solar onde se ubicou a antiga casa consistorial confirmou que o pavimento orixinal da rúa se conservou nun excelente estado por debaixo da camada de terra que o tapaba na súa maior parte desde hai moito tempo. Nun tramo de máis de cincuenta metros pode verse agora perfectamente o vello pavimento de seixo, que alcanza unha anchura de cinco metros.
«O empedrado está moi ben conservado e demostra que a Falagueira foi efectivamente a rúa máis importante do vello burgo intramuros», comenta o arqueólogo Iván Álvarez, que se encarga de inspeccionar as obras de rehabilitación. «En todo o barrio de San Vicente non hai ningunha a tan ancha como esta e mesmo no moderno Monforte hai rúas que non chegan a esa anchura», engade.
A posible antigüidade deste pavimento pode estimarse con bastante precisión grazas ás sondaxes arqueolóxicas realizadas na zona con anterioridade ás actuais obras, nas que unha moeda do século XIV foi achada no recheo de terra sobre o que se asenta o pavimento. «O que está claro é que a rúa foi construída con posterioridade ao século XIV, probablemente entre o XIV e o XV, pero iso non significa que todas as pedras do pavimento sexan desa época, porque o firme debeu ser remendado en diversas ocasións e seguramente ten engadidos posteriores», puntualiza Álvarez.
Outro trazado
As sondaxes indican por outra parte que a fisonomía da zona debeu ser bastante diferente antes de que fose construído o vello firme que se conservou ata a actualidade, aínda non se sabe ben que aspecto podia ofrecer. «A rúa foi feita nunha época determinada e o único que sabemos é o que antes diso había outro trazado urbano, se é que se podía considerar realmente como un trazado urbano, porque iso non é seguro», sinala o arqueólogo a este respecto.
O proxecto de rehabilitación da Falagueira prevé conservar na medida do posible o empedrado orixinal. Nas zonas en que este se mantén en mellor estado -como é o caso do tramo mencionado- só será necesario facer algúns retoques para asegurar a súa conservacións. No treito situado por debaixo dos depósitos de auga, polo contrario, o antigo pavimento desapareceu totalmente a causa das obras feitas no século pasado. Neste caso, o firme será substituído por unhas laxas de granito. En calquera caso, cabe esperar que a rehabilitación devolva á Falagueira un aspecto un pouco máis parecido ao que puido ofrecer na súa época de apoxeo, cando contaba cunha importante poboación e concentraba a maior parte da actividades comerciais e artesanais do antigo Monforte.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2008/05/11/0003_6808218.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario