Vistas de página en total

sábado, 4 de octubre de 2008

Encontran os restos dunha antiga rúa pavimentada en San Vicente

Na parte inferior da escavación vense os restos dunha casa. No tramo intermedio, a pavimentación dunha rúa
Autor de la imagen: ROI FERNÁNDEZ

As sondaxes arqueolóxicas desenterraron un tramo de calzada de sete metros que ascende pola ladeira
Autor:
Francisco Albo

A segunda campaña de sondaxes arqueolóxicas no xacemento castrexo-romano de San Vicente do Pino, en Monforte, finalizou onte despois de terse realizado un novo achado de notable importancia. A escavación de maior extensión praticada ata agora na zona -de quince metros de longo por dous de ancho- puxo ao descuberto os restos do que parece ser unha rúa pavimentada que ascende pola ladeira de forma perpendicular, xunto aos vestixios dunha posible vivenda. Estas estruturas apareceron a poucos metros doutro trozo de calzada bastante máis curto que foi encontrado nas prospeccións feitas o ano pasado, pero os investigadores advirten que aínda é cedo para saber se estes dous tramos de pavimento estaban conectados entre si.
O tramo de rúa recén encontrado, duns sete metros de lonxitude, coincide de forma praticamente exacta coa parcela que delimitaron os investigadores para realizar esta escavación. presenta unha técnica construtiva que probablemente poida ser atribuída á influencia romana. Segundo opina o arqueólogo Iván Álvarez, que coordina estas prospeccións, «a obra mostra unha preparación moi intencional, mais elaborada que a que se pode ver nos castros correntes». A pavimentación posta ao descuberto, engade, mostra similitude co denominado rudus , unha camada intermedia de cascallo compactado que formaba parte da estrutura típica das calzadas e rúas romanas. Polo centro da rúa, por outro lado, discorre o que parece ser un canal de drenaxe con varias ramificacións laterais que servían posiblemente para derivar as augas cara ás marxes.
Outros indicios
Para confirmar a utilización da técnica romana de construción de camiños será preciso esperar a que a investigación estea máis avanzada. Non obstante, agrega o arqueólogo, «nos materiais encontrados o ano pasado, sobre todo nas cerámicas, xa hai bastantes indicios da influencia romana neste asentamento».
A parte máis baixa deste tramo de calzada toca cuns restos de muros que conforman, aparentemente, a esquina dunha vivenda. Dentro desta estrutura foi encontrada unha moeda antiga que podería consistir nun follis , peza monetaria romana da época baixoimperial, de entre os séculos III e IV. Na parte superior da escavación apareceron pedras procedentes do desmoronamento dalgunha estrutura aínda non identificada.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2008/10/04/0003_7194703.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario