Autor de la imagen: A. L.
O gravado estivo exposto a numerosas agresións
Autor de la imagen: A. L.
No gravado poden verse tres círculos concéntricos nunha pedra procedente do valado dunha leira
O Concello de Cabana goza dunha gran riqueza arqueolóxica coñecida internacionalmente. O dolmen de Dombate e o castro A Cidade son as súas máis grandes mostras, ás que se vén engadir dende hai uns días unha mostra de arte rupestre. Os técnicos municipais de Cultura localizaron un petroglifo.
Esta manifestación cultural prehistórica non está nun monte nin nun lugar inhóspito. Está nunha eira da parroquia de Canduas, máis en concreto na denominada Casa de Pedro, a moi poucos metros da coñecida Fonte de Pedro, que daba auga a igrexa parroquial, por medio dunha canle de pedra, e máis aos veciños a través dun rego.
Jaime Gagino Nantón, que é o dono da vivenda e máis das construcións que a rodean, recorda que a pedra que contén o petroglifo foi colocada no lugar hai uns 14 ou 15 anos. Anteriormente formaba parte dun valado dunha leira da Chousa do Campo, dende onde foi traslada a remolque dun automóbil.
En plena eira da Casa de Pedro poden verse os tres círculos concéntricos gravados na roca, se ben o terceiro está erosionado en parte e vese incompleto. Incluso se percibe o comezo dun segundo conxunto de circunferencias, pero, segundo o arqueólogo Manuel Lestón, «non está moi claro».
Trátase dun conxunto de gravados que pode ser datado no segundo milenio antes de Cristo. Posiblemente fose collido perto do monte Castelo. Lestón sinala que era normal que coñecendo a presenza de gravados en Corme e noutras zonas próximas á costa o normal sería que tamén os houbese en Cabana. Neste sentido apuntou: «É probable que haxa máis e que non sexan estes os únicos».
Os motivos do diseño sobre a pedra da eira de Canduas, Lestón sinalou que son os normais e os máis comúns neste tipo de petroglifos.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2008/10/05/0003_7198577.htm
É o segundo exemplar que aparece no municipio
Non é este o único petroglifo que existe no Concello de Cabana. O arqueólogo Manuel Lestón incluíu na catalogación dos xacementos do municipio outro exemplar, ubicado neste caso en A Piolla, na parroquia de Nantón. Está composto por un mínimo de oito cazoletas e presenta un bo estado de conservación.
No caso do localizado en Canduas, é posible que formase parte dunha roca na que houbese máis gravados. «Este tipo de manifestacións da arte son propias de lugares que están na transición entre o monte e a agra», sinala Lestón, quen o venres visitou o petroglifo de Canduas na compaña de Xosé María Varela, Anxo Eiroa, Anxo Cousillas, Xosé Luis Otero Cebral e Luis Guiadás, que se amosaron interesados por ver estas figuras que se conservaron de milagre, segundo comentaron estes profesionais do ensino, investigadores e divulgadores.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2008/10/05/0003_7198578.htm
No hay comentarios:
Publicar un comentario