Vistas de página en total

domingo, 24 de agosto de 2008

San Guillerme xa dá froitos

Doce persoas participan nos traballos arqueolóxicos do monte do Cabo
Autor de la imagen: FOTOS: XESÚS BÚA

Do monte de San Guillerme, aló no alto do monte do Cabo de Fisterra, vaise coñecendo cada día un pouco máis. Cara abaixo. Porque do que se viu sempre xa se ten moito escrito. O novo chega agora, grazas ao traballo que, sufragado por Patrimonio, están levando a cabo, dende primeiros de mes, un equipo de doce persoas: catro arqueólogos, seis obreiros e dous restauradores. Ata o día 5 de setembro aínda lles queda moito que mirar, malia que son traballos cualificados cos que ter paciencia e maña. Non vale dar paladas de terra sen máis.
Aínda con esa lentitude, o entorno da mítica ermida xa parece outro. Tras os traballos e as catas do ano pasado, desta vez xa hai traballo arqueolóxico en profundidade, nun entorno de 300 metros cadrados, que é o autorizado. E xa van aparecendo cousas. Conta a arqueóloga Lorena Vidal Caeiro, da empresa adxudicataria, Zeta Arqueoloxía e Sistemas de Xestión Integral do Patrimonio, que o que máis está aparecendo, son diversos derrubes de muros, correspondentes a diversas épocas históricas. Pero o que máis chama a atención dos legos na materia son os obxectos que se van atopando, como por exemplo cinco moedas de entre os séculos XIII e XIV, de bronce e cobre, en bo estado, e pendentes de limpar e analizar. Tamén hai moita cerámica de entre o XI e o XIV, moi homoxénea. Ou lascas de sílex, que no período medieval solían empregarse para prender o lume ou como elementos cortantes.
En xeral, a estratigrafía é moi ampla e variada, de diversas etapas. O que non se sabe de momento é de cando é a ermida. Tanto pode pertencer ao XI como ao XVI ou polo medio. É unha das tarefas pendentes e máis interesantes, que se resolverá, probablemente, ao chegar ao baseamento das ruínas, pero iso será máis adiante.
Lorena, que xa traballou en Fisterra o ano pasado, volveu este tras gañar o concurso e espera seguir o ano que vén, asegura que está moi contenta por como van os traballos, ademais de polo lugar en si, unha das referencias clave dos camiños de peregrinacións de Galicia.
Cando o mes que vén acaben os traballos, o xacemento quedará aberto ao público. Un atractivo máis.
Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2008/08/23/0003_7081144.htm








Remataron as excavacións na ermida de San Guillerme
O monte do Cabo de Fisterra incrementa o seu atractivo turístico

As excavacións deixan diversos muros ao descuberto, ademais de excelentes vistas do pobo
Autor de la imagen: BÚA

Empezaron o 4 de agosto e remataron onte. As excavacións no entorno da ermida de San Guillermo, nun dos altos do monte do Cabo de Fisterra, tocaron á súa fin.
En realidade, o groso dos traballos arqueolóxicos xa rematara a semana pasada, pero nestes días, os arqueólogos e os restauradores pecharon os detalles pendentes e acabaron de consolidar muros e estruturas, para que todo quede ben arranxado a seguro ata o ano que vén. Sempre e cando Patrimonio, que é o organismo que autoriza e paga, así o considere. Pero sería moi raro que non o fixese, dados os achádegos atopados. Lorena Caeiro, arqueóloga da empresa Zeta Arqueoloxía, a mesma que xa o ano pasado fixera as catas que anunciaban que había moitos por descubrir, está moi satisfeita co traballo e cos resultados, que se poden dividir en dous grandes grupos.
Por unha banda, pola cantidade de material que foi aparecendo. Unha cruz de bronce, unha vaina do mesmo material para gardar un puñal, unha figura pequeniña en acibeche que representa, con grande realismo, ao Apóstol Santiago vestido de peregrino. Moedas, centos de trozos de cerámica, lascas de sílex, pezas de metal, cravos, plaquiñas de bronce, un alfiler e outros obxectos. Moito e bo material que enchería un museo local, pero que, de momento, vai para os da peregrinacións de Santiago. Unha proba máis da indubitable relación que este punto garda dende sempre co Camiño, que non remataba nin remata en Santiago.
O outro grupo de achádegos é o que máis se ve: os murosa, as estancias. Non pertenceron a unha soa época, senón que unhas foron sucedendo a outras ao longo dos séculos, ou incluso reaproveitándose. Existen indicios claros, conta Lorena Caeiro, de que por unha banda estaba a ermida, onde algunha vez houbo culto, e por outra os espazos habitacionais ao seu carón, onde viviron inquilinos. Cando, cantos e como dirano -se cadra- os estudos, análises e seguintes excavacións.
De momento, pouco se pode concretar. O atopado anda entre o XIII e o XV. A ermida, por aí (contan os textos que se derruiu no XVII). O coñecido sartego é do VII. Os especialistas terán que ir dando fiadas e atando cabos históricos sobre o pasado dun dos lugares míticos do territorio galego.
Os turistas que os vaian ver, pide Lorena, «¡que, por favor, respecten os muros!».

Tomado de: http://www.lavozdegalicia.es/carballo/2008/09/11/0003_7130944.htm

No hay comentarios:

Publicar un comentario